Contra as 3:40 horas da madrugada deste sábado, un particular informou ao 112 Galicia dunha lancha ardendo no porto de Camariñas. Durante a chamada, o alertador sinalou que saía unha importante fumareda.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos Bombeiros de Cee, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Camariñas.
Os bombeiros traballaron para atallar as lapas, e unha vez finalizado o operativo confirmaron que a embarcación ardeu case por completo e que non se vira afectada a zona do motor. Por sorte, ningunha persoa resultou ferida.
A Garda Civil abriu unha investigación antes as sospeitas de que o lume puido ser intencionado. Nos últimos anos, varias embarcacións sufriron accións deste tipo no porto de Camariñas. A embarcación está valorada en máis de 60.000 euros.