Contra as seis da tarde deste xoves a Axencia Galega de Emerxencias recibía un aviso dun veciño que viu saír fume do teito dunha das naves do polígono industrial Sete Pontes da localidade luguesa de Vilalba. Ata alí foron os bombeiro de Vilalba, que pediron reforzos ao chegar e ver a situación da nave de reciclaxe. Desprazáronse ata alí bombeiros de Barreiros, Sarria, Eume e Lugo.
Contra as oito da tarde tamén se incorporaron ao operativo os membros do GES de Monterroso e Friol-Palas. Ademais, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención da Axencia Galega de Emerxencias envía un semirremolque con iluminación para colaborar cos medios mobilizados.
A carón hai unhas instalacións baleiras e algunhas informacións apuntan a que o lume xa se estendeu a unha segunda nave. Os equipos de extinción traballan arreo para sufocar as lapas e lograr arrefriar a zona.
Varios coches xa foron retirados das inmediacións e dun concesionario próximo e moitos voluntarios estiveron tamén sacando rodas, palés e outros obxextos altamente inflamables do interior da nave.