Arde unha vivenda en Santa Comba | O Parque de Bombeiros da vila estaba pechado

1 minutes read

O infortunio non rematou en traxedia de milagre. O 112 Emerxencias Galicia pasaba unha alerta ás 21:27 horas deste martes por un incendio nunha vivenda no lugar de San Pedro de Xallas, en Castriz, Santa Comba, pero o Parque de Bombeiros do Xallas con base na vila estaba pechado debido aos recortes no servizo que deben sufragar a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña a través do Consorcio provincial.

Acudiron ao lugar indicado os Bombeiros do Parque de Carballo, a máis de 20 quilómetros de distancia, polo tanto cun tempo de resposta á emerxencia moito maior. Unha vez no punto comprobaron que non hai persoas feridas e o incendio está afectando á planta baixa da vivenda, destinada a garaxe de vehículos e almacén. O lume estaba totalmente desenvolvido no local, afectando a 2 vehículos que había no interior e a diversos enseres e equipos de xardinería. O resto da vivenda (escaleiras interiores e 1º andar) viuse afectado polo fume do incendio. Unha vez extinguido, realizouse a ventilación de toda a vivenda, que quedou inhabitable. No operativo participaron un cabo e dous bombeiros, ademais de Protección Civil e a Garda Civil de Santa Comba.