Arden máis de sete mil hectáreas de monte en Ourense

Diferentes incendios forestais calcinaron, conforme as estimacións de Medio Rural, máis de sete mil hectáreas de superficie este domingo en Ourense.

O maior, ubicado en Vilar de Barrio, arrasou máis de 400 hectáreas. Outro lume na parroquia de Pentes, na Gudiña, obrigou a cortar o tráfico na autovía A-52 que enlaza con Madrid. As lapas calcinaron 120 hectáreas, traballaron no seu control un técnico, 6 axentes, 14 brigadas, 9 motobombas, unha pa e 2 helicópteros.

Outro incendio en Lobios, afectou máis de 150 hectáreas do monte do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. As lapas comezaron na parroquia de Río Caldo. Traballaron medios terrestres e aéreos ademais de efectivos da UME.

Como medida preventiva tamén se solicitou a declaración de situación 2 noutro incendio de Rairiz de Veiga Sabariz, por proximidade ao núcleo de Guillamil e pediuse a axuda da Unidade Militar de Emerxencias. Tamén se estendeu a declaración de situación 2 no incendio activo de Cualedro, na parroquia de Montes, por proximidade ao núcleo de Carzoá, polo que se solicitou tamén a intervención dos militares da UME.

As lapas afectaron tamén outra zona de importante valor ecolóxico na parroquia de Sabuguido en Vilariño de Conso, onde arderon 200 hectáreas. Tamén se declarou outro incendio na parroquia de Camba en Laza que calcinou unhas 40 hectáreas.