Arden un barco e unha planadora en Moaña


Dúas embarcacións arderon na madrugada deste domingo preto das instalacións dun estaleiro en Moaña. Unha era un buque preparado para o seu despezamento e a outra unha lancha tipo planadora. Inmediatamente, mobilizáronse os equipos de emerxencias. Ao lugar acudiron bombeiros do Morrazo, Vigo, Ribadumia e Protección Civil de Cangas, a Policía Local de Moaña e efectivos da Garda Civil, que están a investigar se se trata dun incendio intencionado. A maior preocupación dos servizos de emerxencia era que o lume non se espallase ás instalacións do estaleiro e que non alcanzase as substancias altamente inflamables que contiña. Un buque de Salvamento Marítimo despregou barreiras anticontaminación para evitar que o combustible e os refugallos se esparexesen pola ría.