A participación cidadá foi a gran protagonista co obxectivo de achegar a cultura innovadora a públicos de todas as idades. A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, que se achegou ata Ares, agradeceu o elevado nivel de asistencia de familias da comarca de Ferrolterra, o que, segundo destacou, demostra o potencial que ten en Galicia a innovación social nacida do compromiso das comunidades locais.
Na xornada desta fin de semana, convidouse aos galegos e galegas a participar de forma activa na elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, facendo achegas no relativo a como a innovación e a investigación poden contribuír a dar resposta aos retos económicos, sociais e medioambientais dos próximos anos.
A cidadanía tivo a oportunidade de ser copartícipe no deseño deste proceso clave para o futuro de Galicia, deixando por escrito as súas ideas nuns paneis habilitados no stand da RIS3; e tamén participando na consulta cidadá da estratexia que segue aberta.
As persoas que asistiron ao evento tamén puideron coñecer de primeira man os proxectos desenvolvidos por cinco empresas galegas que foron beneficiarias de axudas no marco da RIS3 Galicia. Ecocelta Galicia, Frescut, Fiablone, Queixería Prestes e Veigas de Sabugueiro amosaron os seus produtos e servizos innovadores e sustentables nun espazo expositivo aberto á cidadanía.
Con estas actuacións e outras que se están a desenvolver, Galicia quere ser pioneira na incorporación da innovación social na elaboración da RIS3 para o período 2021-2027.