Ares | Rescatado no mar o corpo sen vida dun home

1 minutes read

O corpo sen vida dun home foi atopado este domingo no mar e rescatado polos equipos de emerxencia nas proximidades do peirao da localidade coruñesa de Ares.

O 112 Galicia tivo constancia do feito ás 16:00 horas, momento no que o GES de Mugardos lle notificaba aos operadores do CIAE-112 a súa participación no rescate, en colaboración con Salvamento Marítimo. 

Segundo a información transmitida ao 112 por Salvamento Marítimo, foi unha persoa particular a que atopou o corpo do home flotando no mar e tratou de achegalo ata unha zona rochosa, lugar de onde foi rescatado por unha das súas embarcacións, a Salvamar Betelgeuse, e os membros do GES de Mugardos.

Un vez coñecida a información, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertouse aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil, á Policía Local, ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos membros de Protección Civil de Ares. As forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias do suceso.