O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse con veciños da Arnoia para avanzar nos traballos de creación dun polígono agroforestal de 224 hectáreas neste municipio ourensán. A xuntanza serviu para avaliar, entre outras cuestións, os posibles usos futuros deste polígono. Trátase, segundo explicou o conselleiro, de impulsar esta ferramenta para aproveitar así un dos instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de poñer en valor os predios en desuso ou infrautilizados. Neste caso concreto, propúxose por parte da propia asociación veciñal a creación dun polígono agroforestal que permita complementar as rendas dos titulares destes terreos.
A figura abranguerá unha superficie de 224 hectáreas, repartidas en algo máis de 6.700 parcelas de arredor de 780 propietarios. O titular de Medio Rural destacou o gran tamaño do polígono e, polo tanto, a multifuncionalidade e diversidade que presenta, á hora de desenvolver os diferentes usos. José González explicou ademais que esta ferramenta dos polígonos se centra na volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.