O xuíz instrutor da investigación penal polas mortes de varios doentes de hepatite C polas que a Fiscalía acusou a varios cargos da Xunta de homicidio por “razóns orzamentarias” vén de arquivar o caso máis de tres anos e medio despois por considerar que non hai indicios de que fosen responsables dos falecementos. O maxistrado Andrés Lago Louro así o decidiu nun auto con data deste luns que pode ser recorrido e que chega máis de tres anos e medio despois da denuncia da Fiscalía.
A decisión do xuíz supón o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións respecto ao director de Asistencia Sanitaria e á subdirectora de Farmacia do Sergas, que foron investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por, presuntamente, non facilitar o tratamento de pacientes de hepatite C.