O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago decretou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas cunha das pezas separadas da operación Pokemon remitida polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, e en que estaban investigados dous ex-alcaldes do PP, Gerardo Conde Roa e Ángel Currás, que acabaron dimitindo na mesma lexislatura dando o bastón de mando finalmente a Agustín Hernández. A causa que quedou arquivada agora abriuse por presuntas irregularidades cometidas por concelleiras e persoal funcionario do Concello de Santiago hai dúas lexislaturas. A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago asegura no auto que, tras examinar a documentación, lle resulta imposible «determinar con exactitude que feitos delituosos se lle atribúen a cada un dos sospeitosos», así como «coñecer a liña de investigación» levada a cabo en Lugo, tal e como informou o TSXG.
Arquivan a causa da Pokemon que investigaba dous ex-alcaldes do PP de Santiago
Foto.- Cedida.