O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou o novo sistema de autocita por internet para a vacinación fronte á covid que a Xunta vai poñer en marcha a partir da vindeira semana. No acto o conselleiro estivo acompañado polo xerente do Sergas, José Flores Arias, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e polo subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón Calvo.
Este novo sistema, que comezará a funcionar a partir da vindeira semana, é un complemento do sistema tradicional de citación via SMS, que está a utilizar dende o comezo da campaña a Xunta priorizando os grupos de idade, e que tan bos resultados reflicte, xa que Galicia é unha das comunidades autónomas que máis avanzada vai no proceso de vacinación.
O novo sistema de autocita está destinado, de entrada, para os grupos de persoas maiores de 50 anos e para os estudantes galegos de Erasmus. Posteriormente, en función das vacinas dispoñibles, irase abrindo a outros grupos poboacionais, e, posteriormente, á poboación xeral.
Por tanto, o grupo que forma parte da denominada campaña de vacinación activa, que son o colectivo de 30 a 39 (primeiras doses) e 40 a 49 (segundas doses), seguirán a ser convocados por SMS, quedando o novo sistema de autocita para a franxa superior da campaña activa (máis de 50) e a inferior, de momento, os menores de 30 que sexan estudantes Erasmus.
Para a campaña de vacinación activa irá destinada o 95% das doses, en consonancia coa aposta da Xunta de Galicia pola vacinación por grupos de idade, e o resto das vacinas, un 5%, irá para aos grupos por riba e por baixo da mesma, que son os que poderán facer uso deste novo sistema complementario de autocita.
Segundo explicou o conselleiro, os listados de estudantes Erasmus, que ascende a un total de 2.000 mozos e mozas, xa lle foi facilitado polas tres universidades galegas á Consellería de Sanidade. O vindeiro luns, comezarán as probas, coordinadas coas universidades, e empezará a citación.
O sistema que entra agora en funcionamento para pedir autocita, ofrece 8.000 ocos no mes de xullo para que se vacinen estes dous colectivos.
