Arranca a nova tempada do Bergantiños FC

Fin de vacacións para o primeiro equipo, que xa volveu aos adestramentos. Xogadores, técnicos, directivos e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e a concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, Milagros Lantes, saudáronse antes das primeiras carreiras da pretemporada.

O presidente, Luciano Calvo, deulle a benvida ao plantel, tivo palabras de agradecemento e cariño para os que deixaron este verán o club e apostou porque este ano si se consiga o obxectivo do ascenso a Segunda B. “Tanto os futbolistas como os adestradores tedes todo o apoio da directiva e non dubides en acudir a nós para o que faga falta”.

“Vides a un club importante, no que hai unha directiva que traballa arreo para que o Bergantiños acade sempre os seus obxectivos e siga sendo referencia no fútbol galego”, afirmou Marcos Trigo. “Creo que é unha temporada con moitos alicientes, moi ilusionante”, engadiu, “e desde o Concello non podemos menos que desexarvos sorte para que consigades os obxectivos”.

Logo de darlle a benvida aos xogadores, Miguel Figueira salientou que o traballo de todo ano estará baseado, como nas súas tres anteriores temporadas á fronte do equipo, en dous valores innegociables: “a ilusión para cumprir os obxectivos e o respecto por este club e polos rivais”. O míster agradeceulle a directiva a confianza depositada na súa persoa e o traballo e o esforzo realizados este verán para formar un grupo co que poder facer realidade o soño do ascenso: “Nestas últimas semanas non houbo un día de descanso; a directiva estivo á miña disposición mañá, tarde e noite e iso para min non ten prezo. Trouxen aos xogadores que quixen traer e non vou dicir que renovamos a todos os futbolistas que nos propuxemos renovar, porque iso sería soberbia pola miña parte, que creo que si é certo que traballamos moi ben para reforzar esas posicións que o corpo técnico consideramos que se debería reforzar”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha