Arranca o taller de emprego Noia-Lousame-Outes 2022 que formará a 20 persoas en tratamentos silvícolas


O alumnado recibirá formación teórica e práctica para o desempeño das tarefas de forestación e reforestación, así como para a realización de tratamentos silvícolas e a protección e defensa das masas forestais destes tres municipios.

O salón de actos da Casa da Cultura de Lousame acolleu esta mañá o acto de posta en marcha do obradoiro de emprego “Noia-Lousame-Outes”, que formará durante doce meses a vinte persoas desempregadas. O obradoiro foi inaugurado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais; o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón; e o alcalde de Outes, Manuel González López.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destacou a importancia deste tipo de programas formativos “para facilitar a empregabilidade do alumnado que participa”. Así mesmo, destacou a idoneidade da elección das especialidades deste ano, tratamentos silvícolas e repoboacións forestais, xa que son “un nicho de traballo que ten demanda agora mesmo no noso territorio”.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, agradeceulle á Xunta a ampliación de 9 a 12 meses do período de formación e asegurou que son especialidades que “teñen demanda, cada vez é maior o número de particulares e tamén administracións que recorren a empresas externas para facer este tipo de traballos”.

Un punto no que insistiu o alcalde de Outes, Manuel González López, para quen “a silvicultura e os traballos forestais son un sector que ten un gran potencial” e sinalou aos presentes que, ademais de faceren prácticas en empresas da contorna, “hai unha oportunidade tanto para traballar por conta allea como para crear o voso negocio porque cada vez hai más demanda tanto de particulares como da administración”.

Obradoiro de Rianxo

Finalmente, Gonzalo Trenor aproveitou para poñer en valor “esta formación cerca das casas do alumnado”, salientando que a comarca conta con cinco obradoiros de emprego que supoñen un investimento de 2,3 millóns de euros para a formación dun total de 95 persoas. Así mesmo, confirmou a realización do obradoiro de emprego de Rianxo, que inicialmente non fora aprobado.