Arrincan os Encontros coa Arte de Brión cuns obradoiros de acuarela e cerámica

1 minutes read

Unha vintena de nenos e nenas de Brión participaron na mañá deste venres nuns obradoiros de acuarela e cerámica en frío impartidos na Carballeira polos artistas José A. Regidor, Frutos Casado de Lucas, José Galarzo e María Carmen Martínez. Unha actividade coa que deu comezo o XVI Encontro coa Arte: lembrando a Francisco Fernández del Riego, que terá lugar en Brión ata o domingo 2 de xullo.

Acto seguido, os 21 artistas participantes na iniciativa foron recibidos oficialmente polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, quen agradeceu a implicación dos artistas coa mocidade brionesa. “Vindes de facer uns obradoiros e esta tarde ides compartir sesión de pintura do natural coa rapazada. Grazas, porque conseguir que a nosa mocidade se interese pola arte é fundamental xa que son moitos os beneficios das prácticas artísticas: fortalece a autoestima e a autoconfianza; reduce o estrés e a ansiedade; potencia a memoria e permite unha mellor concentración…”.

Nesta edición, os 21 artistas participantes son: África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Camilo Seira, Carmen Hermo, Frutos Casado de Lucas, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, Manuel Alpañes, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso. Para mañá sábado 1 de xullo están previstas dúas sesións de pintura ao natural: de 10:00 a 14:00 horas en Padrón e de 16:30 a 19:30 horas na parroquia de Seira (Rois).

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?