Arrancou o programa de voluntariado xuvenil de Protección Civil da Laracha

Programa Voluntariado Protección Civil_Ayuntamiento de A Laracha

  • Durante o desenvolvemento das actividades os participantes recibirán unha compensación económica diaria

Xa está en marcha o programa de voluntariado xuvenil que organiza a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da Laracha coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Os oito mozos que formarán parte deste programa, todos eles de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, recibiron a benvida no Concello por parte do alcalde, José Manuel López Varela, e tamén de Pablo Cambón, concelleiro e responsable da AVPC larachesa.

Durante os próximos meses os participantes apoiarán aos efectivos de Protección Civil en diversas actividades como o control de accesos aos eventos organizados polo Goberno local ou a cooperación da feira de Paiosaco. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado oficial que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas tamén percibirán unha compensación económica diaria.

Na Laracha está actualmente en marcha baixo a organización do Concello outro programa de voluntariado xuvenil de similares características e tamén apoiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En total son 17 rapaces os que están a formar parte destas dúas iniciativas.