Arrinca a campaña #EligeGuardiaCivil para animar ás mulleres a ingresar no Corpo


Trátase dunha serie de vídeos que se publicarán nas redes sociais do Corpo, especialmente en Instagram e Tiktok, onde se concentra o público máis novo. Neles aparecen mulleres gardas civís animando ás futuras compañeiras a conseguir unha das 1.671 prazas que se ofertaron este ano. O prazo de inscrición para a nova convocatoria de acceso xa está aberto e finaliza o próximo 19 de xullo. As aspirantes que desexen ingresar na Garda Civil deben ter entre 18 e 40 anos, a nacionalidade española, carné de conducir, altura a partir de 1,55m e carecer de antecedentes penais, entre outros requisitos.

O proceso selectivo consta dunha parte de concurso –na que se valoran aspectos como idiomas ou estudos académicos- e outra de oposición onde se examinan coñecementos teóricos e prácticos, aptitudes intelectuais, así como probas físicas e entrevista persoal. Como novidade, os opositores poderán ter tatuaxes –mesmo visibles co uniforme- sempre que non sexan de expresións ou imaxes contrarias aos valores constitucionais ou atenten contra a imaxe da Garda Civil. Actualmente, o persoal da Garda Civil conta cun total de 6.665 mulleres, que representan un 8,57% do persoal. Nos últimos anos, a porcentaxe de presenza feminina aumentou notablemente, chegando a superar nas últimas dúas promocións o 20% da totalidade de novos gardas civís que ingresan nas academias.

Ata a data, o emprego máis alto alcanzado por unha muller na Garda Civil é o de tenente coronel –oito mulleres osténtano na actualidade-. En abril de 2021, a tenente coronel Silvia Gil foi nomeada a primeira xefa dunha Comandancia, a de Teruel. Para máis información poden establecer contacto co Gabinete de Prensa da Garda Civil no teléfono 915.146.010.