- Este domingo instalarase un punto violeta no campo da feira de Paiosaco
‘A Laracha fronte ás violencias machistas’, o programa posto en marcha polo Concello con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero comeza esta fin de semana.
A primeira das actividades terá lugar este sábado, a partir das 17:00 horas, no Museo de Golmar. A compañía Trémola Teatro desevolverá a función infantil Dúas nenas moi moi valentes, un contacontos no que as protagonistas atopan un libro segredo cheo de historias fascinantes con mulleres como protagonistas. A asistencia é gratuíta.
Ademais, aproveitando que mañá é domingo de feira en Paiosaco, de 11:00 a 13:00 horas estará instalado no recinto feiral un punto violeta no que persoal técnico municipal ofrecerá información sobre os recursos ao alcance das vítimas e pautas de actuación ante diferentes supostos de violencias machistas. Esta mesma iniciativa levarase a cabo na próxima semana en Caión (martes 23) e na Laracha (xoves 25).
O propio día 25 organizarase unha dobre actividade, consistente nunha andaina de ida e volta entre A Laracha e Paiosaco (5,5 km) e, a continuación, a proxección do documental Volar, no que nove mulleres cun pasado de violencia de xénero relatan en primeira persoa as súas experiencias e o seu percorrido vital. Tras o remate destas actividades haberá unha charla-coloquio a cargo de Nerea del Campo Aguirre e Arrate Ramírez Baglietto, dúas das súas protagonistas.
Ao día seguinte terá lugar a tradicional función dentro dos Venres Teatrais, se ben nesta ocasión o espectáculo tamén está enmarcado neste programa ‘morado’. Comando Comadres é un espectáculo en clave de humor para o público adolescente e adulto no que un grupo de activistas poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal, cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual e fan fincapé na xestión dexenerativa dos recursos naturais. A montaxe é producida por Matrioshka Teatro e está escenificada polas actrices Anabell Gago, Chelo do Rejo e María Ángeles Iglesias.
Calquera persoa, entidade, empresa ou establecemento comercial pode adherirse á iniciativa ‘A Laracha fronte ás violencias machistas’ cubrindo este formulario.
Este programa municipal en torno ao 25 de novembro conta coa colaboración do Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la violencia de género, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.