Arrinca con éxito o campamento de verán Xermolar, organizado polo Concello de Coristanco

Deu comezo cunha experiencia máxica na Biblioteca Municipal. Os nenos e nenas participantes puideron gozar dun obradoiro de teatro de sombras dirixido por Patricia Cameán, actriz e creadora da recoñecida compañía K’Paparota Teatro.

A xornada arrancou cun contacontos interpretado pola propia Patricia, que conquistou ó público infantil coa súa expresividade e imaxinación. A actividade continuou coa creación do seu propio teatriño de sombras, deseñando personaxes e escenarios, e aprendendo a interpretar pequenas escenas coas técnicas teatrais achegadas pola profesional.

O campamento forma parte do proxecto Xermolar, unha iniciativa que este verán ofrecerá arredor de 600 prazas para nenos e nenas empadroados ou cursando estudos en Coristanco, cun dobre obxectivo: conciliar a vida durante o verán e promover xornadas lúdicas, educativas e de convivencia entre a infancia do municipio.

Esta semana incluirá tamén unha actividade interxeracional, na que as crianzas compartirán un obradoiro coas mulleres participantes no proxecto Tecendo recordos, transformando vivencias. Xuntas crearán bonecas de tea, tecendo lazos entre xeracións a través da creatividade e o respecto mutuo.

De cara á vindeira semana, o campamento trasladarase ao Edificio Interxeracional da Rocheira, que se converterá no epicentro das actividades. Alí desenvolveranse propostas tan diversas como sendeirismo, piscina, xogos ao aire libre, manualidades e moito máis, consolidando así unha programación estival chea de aprendizaxes, diversión e comunidade.

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte