Arrinca con éxito o programa «Saudables» que promove o envellecemento activo na Laracha

O novo programa municipal Saudables, que promove o Concello da Laracha na procura de favorecer o envellecemento activo e previr a soidade non desexada, iniciou as súas primeiras actividades cunha moi boa acollida por parte da veciñanza.

Comezaron nesta semana os cursos de alfabetización e memoria da Laracha, Paiosaco e Montemaior, alfabetización dixital na Laracha, o de iniciación á marcha nórdica que se realiza en Vilaño para aproveitar as oportunidades que ofrece a Praza da Areosa e o seu entorno, e tamén o de baile en liña, cun total de setenta participantes, o que obrigou a organizar dúas quendas, ambas no Centro Sociocultural de Paiosaco.

Aínda quedan prazas dispoñibles en todas estas actividades que ofrece o programa Saudables:

  • Albabetización e memoria. Inicio neste mes de outubro en Paiosaco (mércores de 17:00 a 19:00 h), Caión, Lendo, Montemaior e Vilaño.
  • Taller de alfabetización dixital (aprendizaxe do uso do móbil). Inicio en xaneiro en Coiro, Soandres, Golmar e Caión, e en abril en Lemaio e Vilaño.
  • Marcha nórdica. Prazas dispoñibles na quenda de outono (outubro a decembro) dos xoves de 10:00 a 11:30 h e na de primavera (abril a xuño) no mesmo horario.
  • Taller de intelixencia emocional. Prazas dispoñibles en Lemaio (xaneiro), Montemaior (febreiro), Soandres (marzo), Golmar (abril) e Erboedo (maio).

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse de maneira presencial no departamento de Servizos Sociais, situado no Edificio Administrativo da Laracha.

Todas as propostas están pensadas para mellorar a saúde física e mental das persoas participantes, favorecer a convivencia e crear espazos de encontro. Ademais, prográmanse actividades nas parroquias co obxectivo de que todas as persoas teñan a oportunidade de participar, vivan nos núcleos urbanos ou no rural. O Concello anima a todas as persoas interesadas a participar nesta iniciativa, pensada para acompañar, coidar e fortalecer os lazos que unen á nosa veciñanza.

Saudables é un programa organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Deputación da Coruña no marco do Plan Único Concellos.

Related posts

A Laracha | O ‘Outono de contos’ regresa para promocionar a lectura entre o público infantil

O PP di que é o Concello o que ten que xestionar o centro de día de Corcubión

Cee | Chega a terceira xornada da sección para o público en xeral da XII Edición do programa ‘O Mes da Fundación’