Arrinca en Santiago o Festival Plataforma 2021

Foto.- Xoán Crespo.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo das Peregrinacións e de Santiago serán algunhas das sedes do Festival Performativo Plataforma 2021 que arrinca este mércores en Santiago de Compostela e que ofrecerá preto dunha trintena de propostas culturais ata o 5 de xuño. Trátase dunha iniciativa que conta co apoio da Xunta de Galicia, en cuxa presentación participou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Como expresou, trátase dunha proposta “especialmente simbólica” porque volve celebrarse cando a cultura “se está a consolidar como máis necesaria que nunca e cando está a ser fundamental crear pontes para contribuír a que os profesionais do sector continúen traballando e compartindo o seu traballo co público de xeito seguro”. Neste sentido, sinalou a importancia de que este festival mesture as artes visuais, escénicas, literatura, arquitectura e deseño e tamén descentralice as súas localizacións apostando por “espazos e enclaves singulares de elevado valor paisaxístico ou cultural”, engadiu.

Así, ao longo de dúas semanas, daranse cita preto dunha trintena de propostas culturais, que comezarán mañá no Museo das Peregrinacións e de Santiago coas conversas organizadas cos creadores Verónica Moar e Álvaro Valiño sobre deseño performativo. O Festival Plataforma traerá tamén á coreógrafa, bailarina e artista visual La Ribot, que ofrecerá a súa visión sobre a danza contemporánea nun novo formato coreográfico Las piezas distinguidas. Poderá verse o 1 de xuño no CGAC e se completará cunha conversa coa artista ese mesmo día.

O CGAC acollerá tamén en estrea absoluta a proposta artística da bailarina e creadora galega Janet Novás Where is Janet? o venres 28 e o sábado 29 de maio e a programación do Festival inclúe así mesmo a exposición Accións peregrinas que recompila algunha das instalacións paradigmáticas da artista Pilar Albarracín.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha