Arrinca en Santiago o novo proxecto cultural que promove a obra do escultor Ramón Conde


Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, a de Pablo Iglesias Posse en Ourense ou de Manuel Antonio en Rianxo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.

Este proxecto cultural xurde da colaboración da Xunta co Casino de Santiago, o Goberno municipal, a Asociación Comercio Punto Compostela, o instituto IES de Sar e o propio artista e inclúe ata catro exposicións no Casino durante este ano. A primeira delas inclúe grandes pezas do artista, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de marzo.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou a primeira das catro exposicións do proxecto cultural que promoverá a obra do artista Ramón Conde durante este ano. Trátase, como expresou, dunha iniciativa apoiada pola Xunta e froito dun “compromiso común para divulgar a importancia da arte e da escultura galega a través dun dos nosos principais escultores”.