Arrinca na Cidade da Cultura a emisión do videopodcast ‘Conversas na balea’

1 minutes read

Trátase dun espazo de faladoiros que no seu primeiro capítulo, precisamente nesta semana na que se conmemorou o Día Internacional da Muller, se achega ao ámbito da promoción e produción musical desde a óptica de dúas mulleres profesionais de peso no sector. Trátase de Raquel Seijo, codirectora de Sweet Nocturna e responsable de ter traído a Galicia a nomes como Björk, Shakira, Muse ou Lenny Kravitz, e Andrea González, pianista, pedagoga e xestora musical directora do festival internacional IKFEM (International Keyboard Festival & Masterclass), que se celebra en Tui e Valença, e escollida entre as 100 Mulleres Líderes en España en 2019.

Con este novo espazo de diálogo e conversa, que no seu título alude á icónica forma do Museo Centro Gaiás que lembra á dunha enorme balea, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre unha nova fiestra virtual na que darlle voz a profesionais das artes e a cultura de diferentes eidos e achegarse a temáticas moi variadas nun formato distendido e próximo ás novas audiencias dixitais. Este primeiro capítulo está xa dispoñible para ver e escoitar a través das principais plataformas en liña (Spotify, Ivoox, ou Youtube entre outras) e tamén na web da Cidade da Cultura.