- O 24 de setembro arrancará o proceso de selección
- Hai inscritas un total de 39 persoas, 23 na primeira convocatoria e 16 na segunda
O martes 24 de setembro empezará o proceso de selección dos 15 alumnos que integrarán a segunda promoción da Escola de Hostalaría do Concello de Carballo. Os candidatos están convocados para as 10.00 horas no auditorio do Fórum Carballo, onde se celebrará a primeira proba, de tipo test, co obxectivo de avaliar os seus coñecementos teóricos.
Para este primeiro exame están citadas 39 persoas: 23 inscritas na primeira convocatoria e 16, na segunda.
Proceso de selección
Dado que as prazas son limitadas, a selección realizarase do seguinte xeito: haberá tres probas eliminatorias, nas que será preciso acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente. Á proba final só accederán, como máximo, as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames. Información sobre as probas.
Proxecto formativo
A Escola de Hostalaría será xestionada por segundo ano pola empresa Garfio de Barizo S. L, representada polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o director e un dos docentes do centro.
O Concello de Carballo investirá este curso preto de 100.000 euros para ofrecer a mellor formación aos 15 alumnos que integrarán cada promoción.
O curso terá unha duración total de 1.135 horas, comezará en outubro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas.