Este xoves deron comezo os obradoiros escolares da novena edición do Enreguéifate en Carballo, terra de longa tradición regueifeira. O proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, continúa a consolidarse como un referente na divulgación da improvisación oral en verso –a regueifa– como vía para revitalizar o uso do galego, especialmente entre a mocidade.
Entre este xoves e a primeira semana de decembro, terán lugar 12 obradoiros de regueifa repartidos en media ducia de centros escolares carballeses: o IES Isidro Parga Pondal, o CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo, o CEIP Plurilingüe A Cristina, o IES Alfredo Brañas, o CEIP Canosa-Rus e o CEIP Gándara-Sofán. Á volta de Nadal, haberá unha nova rolda de obradoiros en outros centros educativos do concello.
En total, entre este mes de novembro e febreiro de 2026 realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos seis concellos impulsores do proxecto. Dúas das formadoras do Enreguéifate, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, serán as persoas encargadas de impartir en Carballo as sesións formativas destinadas a espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego.
Enreguéifate, versos doutro universo
Baixo o lema Enreguéifate, versos doutro universo, a novena edición do proxecto procura seguir fomentando o uso do galego a través da improvisación, a creatividade e a retranca, sumando cada vez máis tripulantes nesta nave da regueifa.
Amais dos obradoiros de formación, proximamente celebrarase o agardado certame de regueifas en vídeo. O prazo para anotarse e enviar vídeos estará aberto entre o 12 de xaneiro e o 6 de marzo de 2026. Coma en anteriores ocasións, haberá categoría escolar e xeral, para que calquera persoa poida participar. A inscrición poderá realizarse a través da web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.
Este ano volverán outorgarse oito premios por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios celebrarase o xoves, 16 de abril de 2026 no Teatro Principal de Pontevedra.