- Este luns inauguráronse os cursos de Servizos Básicos de Barra e Restauración e de Organización de Almacén
O Concello da Laracha inaugurou este luns a etapa formativa do seu Programa Integrado de Emprego cos cursos de Servizos Básicos de Barra e Restauración e de Organización de Almacén. Estas actividades son as primeiras dentro da ampla oferta que o Concello pon a disposición das 100 persoas desempregadas que participan na iniciativa, que conta coa financiación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Os alumnos de Barra e Restauración recibirán a súa formación no centro sociocultural de Paiosaco, onde foron recibidos polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Económica, Sanidade, Muller e Emprego, Rocío López Rey. Por outra banda, os alumnos do curso de Organización de Almacén tamén contaron coa visita dos representantes do goberno local. Estes cursarán a súa formación durante as próximas semanas no edificio administrativo do Concello.
Nos vindeiros meses, o Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha acollerá novas actividades entre as que están os cursos de xestión loxística, iniciación á creación de páxinas web, desenvolvemento web para o comercio electrónico, mellora de xestión de stock ou beneficios no comercio, entre outros.
Estes novos estudantes contarán co apoio de dúas orientadores laborais e de formación transversal que aportarán ferramentas aos participantes para que teñan máis éxito na busca de emprego ou nas entrevistas de traballo. Tamén contarán con sesións de coaching, habilidades sociais ou comunicación.