Arsenio Iglesias Pardo, Fillo Adoptivo de A Coruña

coruna.gal

  • A comisión de Honras e Distincións acordou tamén dedicarlle unha rúa ao deportivista e que a Cidade Deportiva da Torre leve o seu nome

A comisión de Honras e Distincións municipal acordou este venres outorgarlle o título de Fillo Adoptivo da cidade a Arsenio Iglesias Pardo, ex xogador e ex adestrador do Deportivo polos seus méritos persoais, deportivos e polo labor desenvolto promovendo a cidade, así como polo seu recoñecemento social.

Ademais, tamén se acordou dedicarlle unha rúa ao deportivista e que a Cidade Deportiva da Torre pase a levar o nome de Cidade Deportiva da Torre Arsenio Iglesias. A iniciativa, que contou co respaldo de todos os grupos municipais, deberá agora ser aprobada polo Pleno.

O informe da comisión destaca que a figura de Arsenio Iglesias Pardo está ligada aos momentos máis sobresalientes do Club Deportivo da Coruña. A súa traxectoria deportiva, primeiro como futbolista e máis tarde como adestrador, entre outros, do Deportivo, do Real Madrid e da Selección galega de fútbol, está ligada ás máis singulares páxinas da historia deportiva da cidade.

Durante os próximos meses a comisión de Honras debaterá sobre as diferentes propostas que hai solicitadas de nomeamentos, outorgamentos de nomes de rúas, prazas ou espazos públicos, e fará un seguimento, ademais, das resolucións que poidan estar pendentes.