A alcaldesa, Inés Rey, entregoulle este venres a Arsenio Iglesias a placa coa que o concello lle outorga o título de fillo adoptivo nun acto no salón de plenos, en que acudiron familiares do ex adestrador así como representantes de todas as forzas políticas da Corporación e do Real Club Deportivo de La Coruña, e no que interviron os seus netos Ana e Pedro, os que falaron con emoción do seu avó. Ana lembrou as outras tres familias de Arsenio, ademais da súa: a de Arteixo, en que é fillo predilecto, a deportivista e a coruñesa: «Nin con miles de goles nin con miles de títulos se paga o cariño ao meu avó», nese xeito de entender a vida en que hai que saber gañar e perder. O seu curmán Pedro dixo que nas súas primeiras visitas a Riazor para ver «ao equipo de branco e azul que é como lle chamaba eu ao Depor», quixo saber cal era o sitio onde traballaba o seu avó. Contou que se sorprendeu cando viu unha pancarta no estadio que poñía en letras grandes «Arsenio: para nós, sempre serás o mellor» porque parecía que a escribiran os seus netos. Entendeu, tempo despois, que todo ese cariño que as cidadás e cidadáns lle profesan foi porque «lles fixo moi feliz».
A alcaldesa lembrou que Arsenio sempre lle dixo que si cando o Deportivo o necesitou e falou desta distinción como tamén a de darlle unha rúa e poñerlle o seu nome aos campos da Torre como unha forma de agradecerlle «a Arsenio todo o que Arsenio coidou á cidade». Engadiu que «foi profesional, pero non estivo nunca en venda. El demostrou que as cousas poden facerse doutro xeito, os que foron os seus xogadores así o recoñecen sempre. Na súa figura non só atoparon un sabio do balón, senón unha humanidade desbordante», asegurou Rey.