A 37ª edición do Día da Muiñeira de Arteixo, que ano tras ano organiza a A.X. Xiradela, tivo lugar este domingo 11 de maio no Campo da Festa con éxito de público e ambiente de festa. Un total de 28 grupos de 9 agrupacións bailaron á vez en tres ocasións a ‘Muiñeira dos Freires’. Numerosas persoas achegáronse ao lugar para acompañar os grupos e desfrutar da súa actuación conxunta.
A regueifeira Lupe Blanco actuou ao final desta cita facendo gozar o público e grupos coa súa habilidade para rimar.
A lista de agrupacións que participaron do XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo é a seguinte:
- Colexio Sagrado Corazón Franciscanas da Coruña con 3 grupos: A, B e C.
- Asociación Cultural Xacarandaina da Coruña con 5 grupos: Xirimbao, Zoquiños, Folerpas, Arroladeiras e Rumboia.
- Asociación Cultural Santa María de Torás da Laracha con 2 grupos: Canedos e Samiráns.
- Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía de Malpica co grupo Pícaros.
- Asociación Cultural Nemeth de Carballo con 6 grupos: Miudiños, Papoulas, Xoaniñas, Churrusquiños e Farangullas.
- Asociación Cultural A Marola de Mera en Oleiros con 3 grupos: Medianas, Minis e A Marola.
- Asociación Cultural Trubisquiña de Vimianzo co grupo Tremedeira.
- Asociación Cultural Recreativa e Deportiva O Castro de Miño con 4 grupos 2 de iniciación, Arines e Piocos.
- Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo con 3 grupos: Bilitroques, Xiradeliñas, Xiradeliños e Arroutada.
Nesta cita dominical, que leva organizando desde o ano 1987 a A.X. Xiradela, colaboran o Concello de Arteixo, Vegalsa – Eroski e Comercial Sánchez Vado S.L.
Ao final do acto as asociacións participantes recibiron un detalle en lembranza pola súa participación no XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo. Tamén se lles repartiu unha merenda aos bailadores e bailadoras participantes.
Contouse coa presenza da concelleira de Cultura e Xuventude do Concello de Arteixo, María Dubra, que lle dirixiu unhas palabras ao público asistente ao igual que fixo a presidenta da A.X. Xiradela, Uxía Verdía.
QUEN É XIRADELA
A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que lle permiten, por un lado difundir o seu traballo, e por outro, promover a socialización da rapazada con xente doutras asociacións.
Comezou impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliou coas actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.
A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, que pretende ser o máis fiel posible coa máis pura tradición galega.
Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de maio ou xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.
No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, e facilitar deste xeito o coñecemento da nosa cultura. Este ano celebrouse a edición 25.ª