Os traballos, cun prazo de execución de 12 meses, teñen como obxectivo mellorar o abastecemento municipal desde a rede existente, na contorna do polígono do Vío, que se abastece do encoro de Cecebre.
As intervencións proxectadas comprenden un bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a Vío Alto, onde se construirán dous depósitos para mellorar o sistema de abastecemento. Desde ese punto executarase unha condución de 5.000 metros ata o polígono de Morás, con dous puntos de subministración ao sistema de abastecemento, en Vilarrodís e Sabón.
En Sabón disporase unha conexión coa condución de enchido do depósito do parque empresarial de Morás, para garantir auga para as actividades industriais e as empresas que alí se instalen.
Esta actuación dálle continuidade ás actuacións proxectadas nun primeiro treito polo Concello, en colaboración coa empresa Emalcsa.
Apoio aos concellos
O contrato enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Arteixo, para dar resposta ás novas necesidades de abastecemento que ten o municipio derivadas do seu crecemento urbano e industrial.
Segundo recolle o convenio, o Concello financiará as actuacións, correspondendo ao organismo hidráulico da Xunta a supervisión do proxecto e a execución das obras. Unha vez realizadas, o Concello asumirá a súa posta en servizo, mantemento e conservación.
O Goberno galego mantén o seu apoio ao desenvolvemento empresarial da área da Coruña e de Arteixo, co impulso do abastecemento ao parque de Morás e as obras da ampliación do principal acceso ao polígono de Sabón.
35