Arteixo | Comezaron os traballos de aglomerado da avenida da Deputación, en Sabón


Os traballos no firme e pavimentos que se iniciaron esta semana, realízanse tras terse executadas as rígolas e bordos, quedando pendente a marxe esquerda desde o inicio da obra, na glorieta de Sabón, ata o punto quilométrico 0,7, marxe esquerda.

Neste momento os operarios están a acometer os traballos de estendido de mesturas bituminosas, base e intermedia, en ambas as marxes entre a avenida da Moda e glorieta da ITV. Estes labores desenvolveranse ao longo desta semana. O aglomerado irase executando por fases a medida que se vaia preparando a explanada en todos os treitos.

Tamén se está a realizar e continuarase ao longo de todo o mes de maio o formigonado de beirarrúas e aparcadoiros.

Con respecto aos avances no conxunto da intervención, neste momento da obra están xa rematados os traballos previos de roza e demolicións de firme, pavimentos de formigón e peches, así como a retirada de bordo e tubaxes de saneamento.

Nas tarefas de movemento de terras só resta finalizar a marxe esquerda da actuación desde o inicio da obra, na glorieta de Sabón, ata o punto 0+700, en execución nestes momentos.

En canto aos traballo de drenaxe, tamén está moi avanzada a instalación do colector de pluviais de ata 1000 mm na avenida da Deputación. Nas próximas datas instalaranse nos catro puntos de vertedura de pluviais un sistema de separador hidrodinámico, que trata a auga previa á súa vertedura. Xa se instalou, en ambas as marxes, un tubo dren de diámetro 160 mm para evitar que entre a humidade na subbase do firme, mellorando a súa durabilidade.

En canto ás estruturas, están xa executados os muros da avenida do Encoro e da avenida da Moda, e en execución un muro da avenida da Deputación, na marxe esquerda. A previsión inicial é que estes traballos finalicen en 3 semanas.