Arteixo | Completados os servizos de saneamento e abastecemento en Larín

1 minutes read

Augas de Galicia entregoulle estas actuacións hidráulicas, valoradas en 332 mil euros, ao Concello de Arteixo, que asumirá a súa titularidade e as respectivas tarefas de mantemento.

Por unha parte, as obras centráronse na mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento nos lugares de Larín de Arriba, Salto do Carro e Groba de Abaixo, cun orzamento de 156.000 euros.

Executouse unha rede de colectores, diferenciados en catro tramos que recollerán as augas residuais das vivendas situadas nas marxes da estrada provincial DP-0507 e outro grupo pequeno de inmobles, para conducilas á estación depuradora de Groba.

Por outra parte, acometéronse actuacións de mellora de saneamento e abastecemento nos núcleos de Areal, Pedroso e Coque, cun investimento de 176.000 euros.

A intervención consistiu na execución dunha rede de fecais cunha lonxitude total de 1.546 metros de tubaxe. Esta consta de dous colectores principais e dous secundarios, que recollerán os vertidos das vivendas situadas a ambas as marxes da estrada AC-552 para conducilos á EDAR de Groba.

Con estes proxectos, dáselle resposta ás necesidades en infraestruturas hidráulicas desta parroquia, que está a rexistrar unha crecente actividade turística, polo que é precisa a ampliación de servizos básicos, como o abastecemento e o saneamento.