A Concellaría de Educación do concello de Arteixo ven de publicar as axudas para comedor escolar e madrugadores do novo curso.
Como novidade, a concesión da axuda ás familias implica a cesión do dereito de cobro ás entidades prestadoras do servizo, polo que o pago se realizará directamente a estas entidades.
A entidade prestadora do servizo, durante os cinco primeiros días do mes seguinte á súa prestación, remitirá á familia do menor usuario a mesma información que vai recibir o Concello, para que, no caso de discrepar con algún dato, o comunique ao Concello antes do día 10 de cada mes. No caso de que non se produza tal comunicación, enténdese que a familia dá a súa conformidade á información presentada pola entidade prestadora do servizo.
Os destinatarios destas axudas son os alumnos e alumnas de segundo ciclo de ensino infantil, ensino obrigatorio primario e secundario, bacharelato ou ciclos de grao medio de formación profesional que cursen en centros sostidos con fondos públicos do termo municipal.
As persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición contra o presente acordo no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación do anuncio da publicación no Boletín Oficial da Provincia perante o mesmo órgano que o ditou. Para a resolución do recurso tense o prazo dun mes contado desde o día seguinte á interposición. Se transcorrido ese prazo non se ten notificada a resolución, entenderase desestimado o recurso por silencio administrativo.