Arteixo | Feijóo visitou as obras do parque empresarial de Morás

1 minutes read

O responsable do Executivo galego subliñou que desde o comezo desta lexislatura, da que só levan transcorridos uns meses, a Xunta adxudicou o proxecto de conexión exterior do saneamento e da urbanización da Fase B, coa previsión de que ambas actuacións poidan comezar en xaneiro de 2021. “E tamén no vindeiro ano esperamos adxudicar a redacción do proxecto da Fase C”, engadiu, resaltando que de todo o solo ofertado, xa está adxudicado o 65%.

Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

“Estamos a falar de 1,5 millóns de metros cadrados de superficie e dun investimento total de 106 millóns de euros para converter este parque no pulmón empresarial máis importante da provincia da Coruña”, abundou, recordando que a empresa Hijos de Rivera porá en marcha neste parque a factoría máis grande de Europa e a segunda do mundo do seu sector.

Ademais do compromiso co solo empresarial, Feijóo aseverou que, en paralelo, a Xunta destinará 4,4 millóns de euros para conectar este polígono coa A-6 e a AG-55; e case 6 millóns de euros para a ampliación do principal acceso ao polígono de Sabón.