Arteixo | Licitadas novas obras de saneamento e abastecemento en distintos lugares de Larín

1 minutes read

Augas de Galicia, vén de licitar as obras de mellora do sistema de saneamento e abastecemento entre os lugares de Mirón, Chamusqueira, Capela de San Roque, Campo da Pedra, Fraga e Anide, cun investimento de preto de 335.000 euros.

A Plataforma de Contratos de Galicia recolle a licitación das obras, dispoñendo as empresas interesadas na súa execución ata o día 5 de febreiro para presentar as súas ofertas. Os traballos contarán cun prazo de execución de 3 meses.

Actuarase na rede de saneamento destes núcleos, executándose dous tramos de colectores e unha estación de bombeo de auga residual (EBAR) coa súa impulsión. Para a implantación da rede de abastecemento nestes lugares construiranse 4 tramos de rede en tubaxe e substituirase un equipo de presión por un novo con maior potencia, contando tamén con dúas bombas cunha capacidade de 1,8 m3/ hora.

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Arteixo e Augas de Galicia para a mellora dos servizos nas parroquias de Larín e Monteagudo. A Xunta entregou recentemente á entidade local as actuacións hidráulicas xa executadas para a mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento nos núcleos de Larín de Arriba, Salto do Carro, Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e Coque, que supuxeron un investimento de máis de 332.000 euros.