Arteixo mellorará a traída de auga e creará sendas en Sabón, co apoio da Deputación


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, asinaron na sede da institución provincial o convenio para o financiamento de infraestruturas no Polígono de Sabón, que permitirá executar proxectos valorados en 3,5 millóns de euros para a mellora da rede de abastecemento e a creación de varias sendas peonís neste parque empresarial. O acto contou tamén coa presenza do deputado Xurxo Couto. Estas actuacións forman parte do convenio formalizado entre a administración provincial e o Concello de Arteixo no ano 2014, como consecuencia da cesión do polígono ao municipio, e que incluía un investimento total de 5,9 millóns de euros en mellora de infraestruturas por parte da Deputación da Coruña.

O presidente provincial destacou a importancia do polígono de Sabón, promovido pola Deputación nos anos 60, “como un motor esencial no desenvolvemento da actividade industrial e económica, así como un instrumento dinamizador da creación de emprego na provincia, de aí a importancia de executar estas obras para mellorar as súas infraestruturas e garantir a súa competitividade”.

O alcalde de Arteixo afirmou “”creo que é moi importante que as administracións traballen xuntas para mellorar os servizos que se ofrecen tanto as empresas creadoras de emprego como os veciños de Arteixo, porque non hai que olvidar que estes investimentos que hoxe acordamos beneficiarán tanto o tecido empresarial como os veciños, que verán mellorados temas como o abastecemento de auga do municipio ou a conectividade de todo o entorno de Sabón a través de novas sendas peoniles”, sostivo.