Arteixo | Novos cortes de tráfico por obras no polígono de Sabón

2 minutes read

As obras de ampliación da capacidade da avenida da Deputación, no polígono industrial de Sabón, no concello de Arteixo, farán necesarios cortes nocturnos no tráfico durante a semana en distintos treitos.

Os cortes produciranse co obxectivo de finalizar os traballos de estendido da última capa de firme no tronco e nas glorietas da actuación. Comezarán este domingo e alongaranse ata o luns, 29 de agosto. Os cortes estarán debidamente sinalizados e facilitaranse desvíos por itinerarios alternativos.

As restricións iniciaranse ás 21:00 horas da noite e reabrirase o tráfico antes das 6:00 horas do día seguinte, a excepción deste domingo, que comezarán ás 20:00 horas pola lonxitude do treito, que afecta á zona ubicada entre os puntos quilométricos 0+640 e 1+200, entre a glorieta da avenida da Moda e a glorieta da ITV.

O luns 22 cortarase o segundo tramo, entre a glorieta da avenida do Embalse e a glorieta da avenida da Moda. Neste caso, manterase o acceso á parcela de Nexus Sabón.

O martes cortarase o primeiro tramo, entre a glorieta que enlaza a AC-551 e a AC-552, e a avenida do Embalse. O mércores permanecerá pechado o mesmo treito e iniciaranse os traballos na glorieta da avenida do Embalse.

O xoves 25 cortarase o acceso á glorieta da avenida da Moda, desde a glorieta da avenida do Embalse e a glorieta da ITV. Para acceder desde a AC-551 ata a avenida da Deputación será necesario escoller a dirección cara a avenida do Embalse, pero non se poderá continuar no sentido Nexus/Alumán, e no seu lugar haberá que saír ao enlace da glorieta a dous niveis no acceso ao polígono de Sabón e continuar pola estrada AC-552 en sentido Arteixo.

Ademais, estará pechado o paso para acceder á avenida da Moda desde a avenida da Prensa. O vial local onde se ubican os centros de transformación e o cementerio tamén estará totalmente cortado.

A partir deste xoves iniciaranse os traballos de premarcado e pintado de marcas viais: liñas, cebreados, pasos de peóns e símbolos que provocarán afeccións puntuais ao tráfico.

Desde as 6:00 da mañá do venres e ata as 21:00h do domingo o tráfico estará totalmente aberto. O domingo 28 pola noite cortarase o acceso á glorieta da ITV, á altura da entrada ao novo edificio de Zara e na entrada da ITV. Estará tamén cortada a avenida da Deputación desde a intersección coa avenida da Moda. Estes cortes volverán repetirse a noite do luns 29.

As empresas disporán de contacto coa dirección de obras para buscar unha solución alternativa de acceso, no caso de que precisen acceder con transporte.