O concello de Arteixo impulsará, a partir desta semana, un programa de actos con motivo da celebración do 25-N, día da eliminación da violencia contra as mulleres.
Adaptándose á actual situación no uso de espazos públicos e co obxetivo de darlle o protagonismo á sociedade e ás mulleres de Arteixo, o concello articula unha campaña que busca a colaboración da veciñanza a través das redes sociais. O concello quere poñer o foco na violencia psicolóxica que antecede e acompaña á física, a través do control, das desvaloración, dos desprezos e insultos… Esta é moi frecuente e pode durar anos causando sufrimento e grandes danos na saúde e no benestar das vítimas.
Con este obxectivo, o concello presentará “ ELAS NO CENTRO”, un estreo desta peza documental que se distribuirá a través de redes sociais. Tamén iniciará unha campaña de sensibilización e concienciación en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero no concello de Arteixo. Os obxectivos desta actuación son: Concienciar sobre a necesidade da corresponsabilidade doméstica e nos coidados; aumentar a concienciación social sobre a dimensión das violencias contra as mulleres fomentando a implicación individual e colectiva na loita contra a súas erradicación; e fomentar o apoderamento individual e colectivo das mulleres.
Outra das iniciativas será unha diagnose sobre o impacto da crise sanitaria covid-19 e as súas consecuencias na vida das mulleres de Arteixo. Nesta iniciativa 14 mulleres de media de idade de 50 anos de diferentes sectores participarán nun video que describa situacións concretas sobre este tema.
Outra das iniciativas será promover a participación con fotografías e imaxes nas redes sociais do concello ata o 27 de novembro. Solicitarase a participación social co envío de fotos en contra da violencia que poden conter lemas ou imaxes alusivas a todo tipo de violencias que sofren as mulleres. Debido a situación Covid non se poderá realizar a tradicional Andaina que se facía tódolos anos, pero si faremos entrega do chuvasqueiro conmemorativo a todas as persoas participantes no envío de imaxes e fotografías as redes do concello.