Arteixo | Os bombeiros sacan aos ocupantes dun turismo accidentado polo parabrisas

Imaxe do sinistro ocorrido en Sabón. Foto.- Bombeiros de Arteixo.

Os bombeiros extraeron o parabrisas dun coche para permitir saír aos ocupantes despois de envorcar en Arteixo. No sinistro víronse implicados outros dous turismos e só unha persoa necesitou asistencia médica e o traslado ao Hospital Quirón, na Coruña.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse pasadas as nove da mañá na estrada da Coruña a Carballo ao paso pola coñecida como Curva dos Coellos. Foron varias as persoas que chamaron ao teléfono de emerxencias para dar conta da situación e pedir asistencia para os posibles feridos. En concreto, das persoas implicadas no accidente, só unha tivo que ser trasladada ao hospital nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Igualmente, as persoas que alertaron apuntaron a posibilidade de que houbese persoas atrapadas, xa que un dos coches implicados envorcou como consecuencia do impacto. Por iso, desde o 112 Galicia avisouse aos Bombeiros de Arteixo e Coruña, pois o sinistro produciuse xusto no límite entre os dous municipios, que tiveron que extraer o parabrisas para permitir saír aos ocupantes.

En definitiva, tres coches implicados e unha persoa ferida que foi evacuada ao centro hospitalario de referencia.

Accidente en Sabón

Unha persoa resultou ferida de consideración na entrada ao polígono de Sabón tras un choque entre unha furgoneta e un utilitario. Ao lugar acudiron a Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia do 061 e os Bombeiros de Arteixo.