Arteixo presenta o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible


O Concello de Arteixo traballa na elaboración do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible, un proxecto que nace ao amparo dos fondos EDUSI e que pretende, de forma xenérica, alcanzar un modelo de cidade no que os ciudadáns realicen os seus desprazamentos de forma máis eficiente e sostible.

Trátase de promover un desenvolvemento urbano sostible, mellorar a seguridade e calidade da cidade e de lograr un cambio nas condutas de mobilidade da cidadanía.

O PMUS é o instrumento técnico fundamental do que derivarán as diferentes actuacións en  materia de mobilidade urbana nos seus diferentes ámbitos, concretándose en operacións financiadas  con Fondos Feder  como o transporte público urbano, a ampliación de sendas peatonais e carrís- bicis, dotación de aparcamentos,  e que repercutirán noutros obxectivos da Estratexia DUSI como son o medio ambiente e a promoción das TIC.

A súa aplicación, nos próximos anos, suporá a execución de obras por valor de varios millóns de euros.  A súa repercusión beneficiará a unha poboación estimada de máis de 40.000 persoas entre o censo municipal e a poboación traballadora dos polígonos do Concello.

O PMUS require da imprescindible colaboración da cidadanía que, coas súas suxestións, demandas ou ideas, determinarán a base dun futuro urbanismo sostible e acorde ás súas necesidades.

O alcalde Carlos Calvelo, e a directora da Oficina de fondos europeos, Mónica Bello, exporán este plan aos veciños o próximo día 23 de setembro ás 20.00 h a través dunha emisión en directo na canle de youtube municipal na que os asistentes xa poderán formular as súas primeiras propostas a este proxecto.