Arteixo presenta unha proposta cultural para a fin de semana da Feira 1900


A pandemia deixa ao concello de Arteixo, por segundo ano consecutivo, sen a súa tradicional Feira Histórica. Non é o único evento deste tipo xa que a COVID tamén evita que se celebre o Pequeno Mercado dos Caprichos, recollido no programa do Outono Cultural. Pese a todo a Concellaría dirixida por Ana Bello presenta unha completa proposta cultural para a terceira fin de semana de outubro:

O venres 15 ás 20:00 h o Auditorio de Arteixo volverá a vibrar con dúas das mellores voces da música folk tradicional: a arteixá Fransy González (unha das fundadoras da Asociación Xuvenil Xiradela) e Davide Salvado. Cibrán Seixo achega ao conxunto a melodía do violín, nunha unión de instrumentos totalmente compacta. Voz, pandeireta e pandeiro son os ingredientes principais desta idea conxunta, cunha nova sonoridade na que mostran cancións de sempre sen perder, cada un deles, o seu estilo persoal. O acceso será con entrada de 4e 3 €, que se poderán mercar en horario de 11:30-13:30 h e 2 h antes do concerto.

O sábado 16 tócalle a súa quenda ás crianzas da casa que poderán gozar de títeres e teatro da man da compañía coruñesa, Duende Sico, que celebra o seu 20 aniversario. A primeira das funcións, «Elba e Marcos e os xoguetes encantados» será ás 17:00 h no Anfiteatro (en caso de choiva, Auditorio) e a segunda «A mestra da lingua» ás 18:30 h no Auditorio. Para asistir deberase recoller a invitación 1 h antes das funcións no CCC de Arteixo.

Nesta ecuación non podería faltar a danza. O domingo 17 ás 17:00 h «Ser e Terra» no Anfiteatro, un espectáculo de curta duración (uns 20 minutos) no que se recolle a esencia máis pura de Nova Galega de Danza. O seu incesante empeño por buscar novas formas de expresión reinterpretando o baile galego a través de códigos contemporáneos aflora nunha montaxe que propón un percorrido pola súa traxectoria a través dunha selección de pezas dos seus espectáculos Alento (2003), Engado (2006) e Tradicción (2010). De poñer alma e corpo a estas coreografías encárganse: Alba Vázquez, Inés Vieites, Jaime Pablo Díaz e Iván Villar, galardoado como mellor bailarín na edición 2021 dos Premios Max polo espectáculo «Leira«. Bailarán música de Pedro Lamas e Xosé Luís Romero. Para asistir deberase recoller a invitación 1 h antes. No caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Arteixo.