O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se declaran como zonas infestadas pola couza e, polo tanto, que pasan a ter prohibida a plantación de pataca, as parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo. Deste xeito, os agricultores afectados deberán presentar -nun prazo de vinte días hábiles unha declaración das existencias de pataca almacenada para que os servizos oficiais procedan á súa retirada e destrución. Tras a eliminación deste tubérculo, deberán proceder a desinsectar o solo, as paredes e o teito da zona de almacenamento.
Como resultado da ampliación da zona infestada pola couza guatemalteca ás parroquias arteixás de Sorrizo e Chamín, pasan ademais a considerarse zonas tampón as parroquias lindeiras de Barrañán e Armentón, coa conseguinte adopción das medidas pertinentes. A resolución especifica todas as parroquias e municipios das provincias da Coruña e Lugo que seguen incluídos tanto na zona infestada como na zona tampón, así como as medidas que deben seguir tomando.