O Concello acaba de recepcionar, de Malde Arqueoloxía, os proxectos arqueolóxicos necesarios para expropiar e revalorizar os castros de Laxobre e Pastoriza que nos próximos meses pasarán a ser de titularidade municipal.
O executivo, despois de adquirir os terreos, procederá á limpeza vexetal da zona e realizará un estudo topográfico con xeoradar e se instalará a sinalética necesaria para informar aos visitantes acerca das características dos xacementos. O obxectivo é unir ambos castros a través de sendas peonís que percorran o camiño entre os núcleos urbanos de Arteixo e Pastoriza cos xacementos.
Será unha intervención moi suave para non danar os restos que se atopan no lugar. O obxectivo do concello é revalorizar os dous enclaves para que a veciñanza poda pasear preto deles e dar a coñecer o asentamento a quen o desexe.
Respecto ao castro de Laxobre, “localízase na parroquia de Santiago de Arteixo. Está emprazado no cume dun outeiro a 98 metros sobre o nivel do ma, ao pé do esteiro de Sabón, nun interfluvio montañoso que separa aos ríos Arteixo e dos Comares e divide as parroquias de Arteixo e Morás”.
Por outra parte, “o castro de Pastoriza sitúase nas parroquias de Pastoriza e Suevos, ocupando todo o cume dun outeiro que acada unha altura de 242 metros sobre o nivel do mar, e que forma parte dun cordal montañoso. O Monticaño (lixeiramente máis alto) impide a vista para o Norte. O castro está orientado para a zona que ocupa o núcleo de Pastoriza (Sur), as agras de Rañobre e a zona litoral de Sabón (Este).