Artenauta é o primeiro festival especificamente artístico da Costa da Morte, que nace en Corcubión -nun atípico verán- co obxectivo de dinamizar a vila, inundándoa de diferentes artes. A finalidade é servir de estímulo, entretemento, reflexión e escaparate de experiencias artísticas para veciños e visitantes, algo especialmente necesario en tempos de pandemia.
Así, durante a fin de semana do 14, 15 e 16 de agosto de 2020 daranse cita en Corcubión máis dunha vintena de artistas de diferentes disciplinas: pintura, mural, escultura, fotografía, música, deseño gráfico, poesía, audiovisual, teatro, performances… Eles serán os artenautas, que navegarán polas súas artes convidándonos á participar das súas creacións.
Cómpre sinalar tamén, que Artenauta é un festival armado en tempo récord, motivado polo impulso e a ansia de gozar da arte neste verán de pandemia.
É ademais un festival froito do entusiasmo, da colaboración e do traballo desinteresado de distintas persoas e agrupacións. E é posible grazas á participación de balde de tódolos artistas. Unha conxunción de enerxías encamiñadas ao mesmo fin de amosar arte.