Artes pechou a rolda anual de consellos parroquiais en Carballo

Cedida.

Os consellos parroquiais remataron por este ano no Concello de Carballo, e fixérono en Artes coa participación máis alta desta última rolda de xuntanzas. O centro social quedou pequeno para acoller ao medio cento de persoas que quixeron participar na reunión, na que se presentou unha relación de demandas e propostas de todo tipo presentadas pola veciñanza nun encontro previo celebrado o domingo pasado.

Aínda que ao longo da sesión se puxeron sobre a mesa cuestións moi diversas, houbo varias que centraron o groso das intervencións. Por unha banda, por parte da veciñanza solicitáronse varias melloras na estrada provincial 1903: sobreancho, limpeza de cunetas, reposición de arquetas, colocación de bolardos no Xamozo. A este respecto, os representantes do goberno municipal, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Luis Lamas, comprometéronse a trasladar as necesidades á Deputación da Coruña, titular da vía.

Outro dos asuntos máis debatidos foi a necesidade de estender a fibra óptica polos lugares da parroquia que carecen deste servizo, e neste sentido por parte dos representantes municipais pediuse á veciñanza a elaboración dunha listaxe dos núcleos afectados para poder presentar a solicitude correspondente ante a empresa encargada do despregue.

Tamén xeraron certo debate os parques infantís. Tal como acordara o consello parroquial na última xuntanza, o Concello de Carballo instalará un parque xunto á igrexa, no terreo adquirido polo concello e a parroquia. O emprazamento foi escollido pola veciñanza e xa está aprobada a consignación orzamentaria correspondente. Pero nesta xuntanza propúxose tamén ampliar o parque de Santa Lucía e arranxar o das Pallas.

Cuestións relacionadas coa rede viaria, o servizo de recollida de lixo ou a extensión das redes de auga e saneamento, entre outras, completaron a reunión.