Artigo | A necesaria convivencia sostible

Imaxe de arquivo dun eólico_PIXABAY

A mera presentación de proxectos de construción de parques eólicos en diversas zonas de Galicia desatou unha contestación social que non responde á realidade, que polo tanto está demonizando unha enerxía limpa e sostible de gran valor para a nosa comunidade autónoma. Hai meses que reiteramos desde a Asociación Eólica de Galicia a imposibilidade de que un proxecto vaia adiante cando nin os propietarios dos terreos nin as autoridades municipais o desexan; porque, sen acordo de base no propio territorio, o parque non prospera. Por outra banda, o simple rexistro dun proxecto non asegura a súa viabilidade mentres non supere unha complexa regulamentación normativa en materia urbanística, paisaxística, patrimonial, de conservación da natureza, etcétera. A lei é extraordinariamente garantista, unha certeza xurídica que é boa para todas as partes.

Dito isto e tras refinar proxecto a proxecto, propiciemos unha adecuada e necesaria convivencia entre os parques eólicos viables e as persoas que viven en e do medio rural, porque o seu benestar e desenvolvemento interésanos tamén ás empresas promotoras. Máis de vinte anos de historia do sector en Galicia acreditan unha aquiescencia superior ao 80 por cento. Nós somos ruralistas, por instalación e axudas a zonas deprimidas, así como ecoloxistas polo tipo de enerxía que xeramos nos montes.

O final do carbón e dos combustibles fósiles, a máis diso outras crises industriais, están a provocar ou ameazando caídas de emprego. O desenvolvemento eólico galego contribuirá de forma significativa á creación de postos de traballo de calidade, durante a construción e, posteriormente, co mantemento das máquinas. E non esquezamos nunca que somos unha fonte limpa, imprescindible para seguir substituíndo ás enerxías contaminantes. A folla de roteiro marcada pola UE e o Plan Nacional de Enerxía e Clima así o certifican. Quere isto dicir, ademais, que as enerxías renovables somos parte da recuperación económica orixinada pola pandemia.

Manel Pazo.
Presidente Asociación Eólica de Galicia.