Artigo | A peaxe A Coruña-Carballo sen previsión de rebaixa


O ministro de Transportes, José Luis Ábalos, anunciaba na súa recente visita a Galicia e no marco da súa reunión co titular da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, celebrada o pasado 9 de abril, a fórmula con que levarán a cabo as rebaixas na AP-9.

A novidade máis destacable está no desconto do 20% na factura para aqueles que fagan máis de 20 viaxes ao mes, 10 de ida e 10 de volta, os chamados superrecurrentes, sen eximir doutros posibles descontos dos que un usuario poida facerse acredor. Dispoñible para os usuarios que dispoñan de telepeaxe, e xa entre finais de xuño e principios de xullo. Ademais, aplicarase unha bonificación do 100%, para todos aqueles vehículos lixeiros que no prazo de 24 horas realicen a viaxe de retorno no mesmo tramo. En canto aos vehículos pesados, as rebaixas están aínda por definir.

Outro aspecto destacable é a supresión total da peaxe de Redondela, o cal pasará a ser gratis para todos os usuarios e sen necesidade da telepeaxe. Así como a rebaixa adicional do 50% dos usuarios do traxecto Vigo-Tui (necesario dispoñer de telepeaxe), dado o perigo que conleva a utilización da súa alternativa, a A-55, cun número de incidencias altamente considerable e dos maiores de España.

Sen dúbida son boas novas, pero:

¿Que pasa coa peaxe da Coruña-Carballo?

Por unha banda, a redución da tarifa na peaxe dos usuarios desta vía é unha vella demanda dos habitantes da área, que xa reclamaron en varias ocasións a súa rebaixa. Por outra banda, non baixar o prezo das tarifas supón un agravio comparativo para cos usuarios doutros tramos e é de xustiza. Carballo, non só é o eixo vertebrador da comarca de Bergantiños, senón tamén a ligazón que exerce como nó de comunicacións coa Costa da Morte.

A importancia deste vial é cada vez maior, non só desde o punto de vista cuantitativo, falando en termos de cantidade de usuarios, senón tamén cualitativos, de conexión coas diferentes empresas e industrias da zona, desprazamentos de residentes entre A Coruña, Comarca de Bergantiños e Costa da Morte, ademais de revitalización turística. Por tanto, os impulsos e sinerxias son evidentes e os beneficios, tamén.

E é que, non é de recibo que desde o campo da política se fagan ”brinde ao sol” sobre o despoboamento de determinadas zonas, se logo non se poñen medios e axudas para o acceso de todos aqueles que alí residen. Non só non atrae, senón tamén desanima a vivir en zonas con menor densidade de poboación, que claman polo aumento demográfico. De sobras coñecidos son os casos de xente que, por traballo, burocracia, sanidade ou cuestións de diversa índole, teñen que desprazarse a diario á Coruña, por ser esta a cidade máis grande que hai preto e viceversa. O fluxo é constante, necesario e vertebrador.

Baste citar como exemplo que entre A Laracha e Carballo norte pasan unha media diaria de 11.153 vehículos. Datos de 2018 que non deixaron de crecer. Ademais, e con independencia destes datos, que insistimos, corroboran un nó de comunicacións esencial, trátase de xustiza. A autoestrada é un todo e os accesos a outros viais son “danos colaterais” que poden duplicar os prexuízos.

Ademais, serviría para liberar a colapsada estrada que suxeita ás pertinentes e necesarias normas de redución de velocidade en aras da protección viaria, soporta cada día máis tráfico, facéndose pesada e lenta.

Entón, ¿a que se espera para tomar medidas económicas de axuda nos desprazamentos?

A titularidade da AG-55 corresponde á Xunta, e é esta, dentro das súas competencias, a quen corresponde lidar con concesións “ad infinitum” e trabas legais que poidan impedir que a rebaixa leve a efecto. Pola súa banda, o goberno central e o seu ministro Ábalos, debe, na medida das súas posibilidades e responsabilidades, botar unha man á administración autonómica para poder levar a cabo a tan necesaria como demandada, revisión tarifaria. Estamos ante unha gran oportunidade para ver novamente, nesta “aparente boa sintonía” do tándem, Feijóo-Ábalos, a consecución dunha tarefa conxunta que puidese facer entender ao pobo o concepto “facer política” para os cidadáns, coa consecución ao alimón, dun logro común.

Coa que está a caer como consecuencia do covid19 e vendo os descontos que se darán na AP-9, non se entende por que non se traballa para conseguir o mesmo en Bergantiños e Costa da Morte. E de haber trabas, primeiro explicalas, posteriormente explorar as posibilidades e finalmente pelexar as solucións. Sen ningunha dúbida, hainas.

Os petos dun usuario medio que utiliza o vial A Coruña–Carballo ida e volta supón un desembolso superior aos 5 euros diarios. Faise necesaria a aplicación das mesmas bonificacións que levan a cabo noutros tramos e falamos claramente de introducir o concepto de superrecurrente e a redución do 100% na viaxe de volta, se este se realízase en menos de 24 horas.

O respecto cara á xente, con independencia de onde se habite, debe ser axioma e o políticos deben levalo a practícaa en todas as circunstancias. O que vale para o sur de Galicia, vale para o norte e viceversa, con independencia de titularidades, concesións, etc. Este é o verdadeiro ben común e o camiño que a política e os seus protagonistas deben percorrer.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO