Artigo | Que facer coas máscaras usadas

4 minutes read

O pasado 21 de maio de 2020 decretábase a obrigatoriedade do uso da máscara en todo o territorio nacional, tanto na vía pública como en espazos ao aire libre. Así como en espazos pechados de uso público. É dicir, máscara para todo e para todos, coa excepción do ámbito doméstico cando o contacto é entre conviventes.

Por tanto, a ata entón descoñecida máscara converteuse, da noite para o día, nun artigo de primeira necesidade e uso obrigatorio. Imprescindible para o desenvolvemento de calquera actividade das consideradas como “normais”, antes do arraigamento da pandemia na nosa sociedade.

A xeneralización masiva do uso da mesma trouxo como consecuencia un novo problema de contaminación.

Todas elas: hixiénicas, cirúrxicas, auto filtrantes ou EPI ( FPP1, FPP2 e FPP3) deben ser cambiadas con frecuencia. De feito, a OMS recomenda cambialas tan pronto como estean húmidas deterioradas ou sucias e, por suposto, nunca reutilizalas. Lamentablemente, estas máscaras usadas aparecen depositadas por todas partes. Xa non só nas beirarrúas das rúas dos nosos pobos e cidades, cunetas de estradas, zonas comúns de edificios e espazos públicos, parques e xardíns, senón tamén en plena natureza: ríos, bosques, praias e mares. O cal constitúe un problema ambiental de primeiro nivel. Baste citar un par de exemplos a tal fin. Por unha banda, os miles de máscaras usadas atopadas nas praias do arquipélago de Soko, entre Hong Kong e Lantau, en Asia. Por outra banda, e xa en Europa, a ONG francesa Opération Mer Propre, atopou o mesmo tipo de restos no leito mediterráneo da Costa Azul, preto de Antibes.

E é que, as máscaras, conteñen un valor engadido no seu perigo para coa fauna do planeta. Atopámolo nas gomas que as suxeitan. Unha vez que estas van ser refugadas, deben de ser cortadas sen dilación, evitando así a morte de moitas especies. De igual maneira que se fixo no seu día coas argolas das latas.

Respecto deste problema temos un moi clarificador vídeo, obra do xornal británico The Independent, o cal mostra a unha gaivota coas súas patas atrapadas polas argolas das máscaras. Neste caso son cortadas con éxito por 2 veterinarios. A pesar diso, aparecen perigosamente inchadas, coa consecuente necesidade de inxesta de antiinflamatorios. Neste caso a gaivota tivo a sorte de poder ser atendida, pero o normal é que a natureza non dispoña de profesionais a man para todas estas tarefas de protección das súas diversas especies.

Segundo información do Ministerio para a Transición Ecolóxica, unha máscara hixiénica abandonada na natureza á súa sorte, tarda en degradarse entre 300 e 400 anos.

Por tanto, como debemos actuar para desfacernos das máscaras?

Primeiramente, debemos separar as máscaras, así como luvas e demais material de protección ante o covid19 do resto de residuos, depositándoos nunha bolsa de plástico exclusiva para eles.

A continuación, introduciremos esta primeira bolsa noutra, funcionando como unha segunda capa protectora, a cal estará, á súa vez separada do resto do lixo. Convén destacar que mentres este tipo de lixo permaneza no fogar, deberá estar perfectamente illado, preferentemente nun cubo con tapa ou algo que a cubra, evitando o seu contacto co chan ou outras superficies.

Para finalizar, unha vez chea debemos depositar a bolsa con bolsas de máscaras e luvas no contedor de residuos ou de fracción restos, onde tamén irán parar os xeles hidroalcoholicos e as toalliñas desinfectantes.

No caso de que o material de protección fose usado por alguén contaxiado de coronavirus, este deberá ser depositado nun cubo aparte, dentro da habitación onde o individuo se atope illado e, no canto de 2 bolsas, usar 3. Incidir no lavado de mans unha vez acabada a manipulación de residuos.

É un erro moi común o depositar as máscaras no contedor de plásticos, crendo que se está actuando ben. Convén lembrar que non nos atopamos ante un artigo reciclable.

Sinalar que nas plantas de Sogama destrúense os patóxenos, ao valorizala enerxéticamente a temperaturas superiores aos 850º C.

Os científicos estiman na contorna de 7 días o tempo de permanencia do coronavirus nunha máscara, aínda que isto dependa da temperatura e condicións ambientais. No caso do plástico é maior.

A Unión europea tiña previsto a prohibición de plásticos dun só uso para o 2021, pero a irrupción do covid19 vai poñer difícil, ao menos, de momento. Por agora, o que debemos e podemos facer é depositalo no contedor correcto.

Ademais de tomar as medidas descritas como leitmotiv á hora de refugar máscaras, luvas, xeles, etcétera, debemos tomar conciencia e usar o sentido común. Nin a rúa, nin, sobre todo, a natureza, é unha entulleira. E moito menos de máscaras, que conlevan un valor engadido de perigo para a saúde pública. Evitar a contaminación medio ambiental, así como o sufrimento das especies, é tarefa de todos.

Urxe tomar conciencia canto antes, polo ben do planeta.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO