Artigo | Viro de 180 graos ante a nova lei de máscaras

4 minutes read

Por Alex Otero.

Apenas 24 horas despois da aprobación, tras publicación no Boletín Oficial do estado (BOE), da nova lei sobre o uso das máscaras en España, coñecida como lei de “nova normalidade”, o pasado martes 30 de marzo, Sanidade rectifica e acorda coas diferentes comunidades autónomas, a modulación nos criterios de aplicación desa lei. Tras o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), celebrado un día despois, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, sinalou a realización dunha revisión técnica de dita medida. Pospoñendo á reunión da próxima semana, a plasmación de propostas a tal fin.

As críticas a esta nova lei proceden de diferentes ámbitos, sendo o campo científico e o da medicina os máis rechamantes e vinculantes. As queixas dos científicos fan especial fincapé nos baleiros que dita norma presenta ante o uso das máscaras no interior, debido a que é aquí onde o risco multiplícase de forma exponencial. Os diferentes estudos que a ciencia levou a cabo, insisten en que o maior perigo ante o covid está na transmisión aérea, os archifamosos aerosois, cuxa xerga asolagou os programas de tv e os debates sobre a pandemia. Voces autorizadas como as do epidemiólogo da USC, Juán Gestal, son moi críticas ante a nova normativa. Destacando que a lei non está ben, pois onde debe primar a protección é en espazos interiores.

E é que onde a máscara debe ser de uso obrigatorio é en interiores onde se estea con persoas non conviventes, con independencia tanto da ventilación como a distancia. Hai evidencias científicas que avalan estas aseveracións, considerando, ademais a distancia de 1,5 metros como insuficiente cando o contacto é dentro de recintos pechados e aínda que conten con circulación de aire renovado. A transmisión baixo estas premisas do covid é dun 70% por encima de correspóndea en espazos ao aire libre.

Outro cabalo de batalla dentro deste dislate é o do caos e a confusión que se xera na sociedade. Por unha banda, non se define de forma concisa e clara a normativa en espazos onde os aerosois impoñen a súa lei. Por outra banda, obrígase á poboación para facer uso da máscara no monte ou na praia, con independencia da distancia que teña co resto da xente con quen coincida e mesmo en situacións de enorme distancia. Chegándose ao paroxismo do ridículo, no suposto caso dun home que traballe no campo e estea só, obrigado por lei a levala posta.

Pero, ¿que é o que di exactamente o texto legal recentemente aprobado?

“As persoas de seis anos en diante quedan obrigadas ao uso de máscaras nos seguintes supostos: na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público…”

A revolta das CCAA está servida. Destinos turísticos de primeira orde como Canarias ou Baleares xa se mostraron remisos á aplicación da normativa nos seus areais, amagando coa súa insubmisión á norma e en espera de “manga ancha” na súa aplicación. E é aquí onde xorde outro problema, se a poboación empeza a percibir que a plasmación desta norma varía en función da localización xeográfica ou, simplemente, non se ten en conta, a división e as dúbidas xeradas serán tan graves como o propio desastre normativo.

En comunidades autónomas como Galicia, xa se regulou o uso de máscaras en espazos ao aire libre como a praia onde, aínda que se obrigaba ao seu uso mentres se daba un paseo ou nos accesos, tamén se permitía o estar sen ela mentres estabas a tomar o sol na area coa distancia de seguridade, ou dándoche un baño. Unhas instrucións que foron reafirmadas no DOG do pasado 18 de marzo, é dicir, moi recentemente. O propio Conselleiro, Julio García Comesaña comentaba que “non imos cambiar a nosa estratexia e recomendacións”. En clara referencia á claridade normativa e fuxindo das vaguedades e posibles contraindicacións, así como do absurdo dunha normativa que non está avalada pola comunidade científica.

Sen dúbida, os cidadáns asistimos estupefactos a unha serie de movementos e improvisacións que rozan o ridículo, senón é que o exceden con fartura. Non só apróbanse textos legais sen ter en conta os estudos que se realizaron desde xuño ata hoxe, onde as consideracións, tras o arduo traballo de comités científicos e expertos, evolucionaron, senón tamén se ningunea sistematicamente as opinións dos expertos, verdadeiras voces acreditadas neste campo, sacrificándoas por criterios políticos e de conveniencia, segundo sexa o momento.

A solución a esta crise covid e os seus efectos coñecémola todos. Está na vacinación, e esta, debe ser masiva. Aí é onde tanto goberno central como a Unión Europea teñen a obrigación de centrar os seus esforzos. Ademais de actuar coa contundencia que sexa necesaria #ante un problema de saúde de primeiro nivel e castigar, tanto os presuntos incumprimentos contractuais, como as supostas especulacións financeiras e aumentos de prezo da compañía farmacéutica que sexa. Todo o que a isto non responda, debería ser considerado delito de lessa humanidade.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO