Arume de Verdillo celebrará este sábado no local social o Albaroque 40+1

2 minutes read

As Asociacións Cultural e Xuvenil Arume de Verdillo celebrarán este sábado 17 de xuño o Albaroque 40+1 no local social de Verdillo.

Albaroque é a súa festa de fin de curso na que haberá unha mostra das actividades que se levaron a cabo durante o mesmo no seo das dúas asociacións. Pola mañá (11.15 h) actuarán os alumnos de ximnasia rítmica e Arume teatro da Asociación Xuvenil Arume. E, a continuación, ás 12.00 h será o turno das Escolas de baile e música da Asociación Cultural Arume onde os alumnos de pandeireta, baile, gaita, percusión e acordeón poderán amosar a labor feita durante o ano. Xa pola tarde será o turno do alumnado de ritmos latinos da Asociación Xuvenil.
Contarán ademáis con actuacións variadas ao longo da xornada dirixidas a tódolos públicos. A primeira das formacións musicais será o coro Aires de Bergantiños (11.45 h), como vén sendo habitual nas últimas edicións desta festa. Na sesión vermú previa á sardiñada (13.30 h) poderán gozar da música de Cé Orquestra Pantasma, músico autodicacta e apaixoado dos instrumentos musicais e que leva percorrendo o máis variado do panorama festeiro galego e portugués levando ás costas a súa proposta.
Pola tarde (a partir das 17.00 h) celebrarán o ALBAROQUIÑO con Peter Punk, un dos paiasos máis destacados do panorama galego, nacional e internacional. Traerá o seu espectáculo “Chungo que te cagas”, unha mestura de circo, malabares, humor e clown que fará as delicias de cativos e maiores.
Xa á noite (21.00 h) gozarán do I SON PINEIRO con dous grupos de música tradicional. Os Ghazafellos, unha formación de músicos tradicionais que prometen un concerto moi festivo e alegre. E Faíscas da Pontraga que traerán a Verdillo o repertorio do seu segundo disco “Longarela” presentado no 2020, no que festexan os seus vinte anos nos escearios e co que están tendo un gran éxito nacional e internacional.
Todas as actuacións serán de balde e están dirixidas a todo o público que desexe asistir.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?