Arzúa acollerá o 4 de febreiro o ‘Día do Apicultor’


4 de febreiro celebrarase en Arzúa, no recinto feiral “Terra do Queixo”, sito na Travesía da Feira A desta vila, o Día do Apicultor, desde as 09:30 horas e ata as 20 horas do serán.

Para a celebración contarán cunha serie de insignes relatores e conferenciantes que nos van ilustrar sobre os diferentes aspectos da apicultura, con técnicas de manexo e selección das abellas e co propósito da valorización dos seus produtos básicos, os meles e a cera, sen esquecer a importancia da biodiversidade polinizadora. As charlas e conferencias desenvolveranse nas salas 3 e 4 do primeiro andar.

Así mesmo, procederase á presentación do Grupo Galego de Cría e Selección da Abella Negra (cfr.: https://apiculturagalega.gal/grupo-de-cria-e-seleccion-da-abella-negra-galega/), para o cal precisan a participación de apicultores con experiencia na selección que fornezan unha boa xenética, de criadores desas abellas nais e de persoas abelleiras que se dediquen a facer testaxes desas raíñas. As portas de integración neste grupo están abertas para todos os interesados nalgunha das facetas expostas.

Na planta baixa deste recinto feiral estarán localizados os servizos administrativos de AGA para calquera xestión ou para recoller material do Plan Apícola. Nela tamén acolleremos un amplo abano de expositores de material apícola e produtos afíns, con participación duns 22 expositores de toda a Península Ibérica.

Para os cativos e a xente miúda contarán cun extenso programa matutino e vespertino co obxecto de que desenvolvan as súas habilidades manuais a partir da apicultura. Haberá unha polbeira cos manxares típicos das feiras para a satisfacción dos comensais.